O INFORMACIONALISMO E A SOCIEDADE REDE
No medievo, o motor da economía e da sociedade eran a agricultura e a gandeiría. Os terratenentes que figuraban en primeiro lugar da revista Forbes da época era xente que vivía das terras. Básica e superficialmente explotando a outros que as traballaban.
Coa progresiva chegada da Industrialización esto foi cambiando e, a pesar de que seguían existindo gandeiros e agricultores, o motor da sociedade foron as industrias. Con este novo paradigma tecnolóxico -derivado dos avances nas tecnoloxías de transportes, comunicación e enerxía- producíronse cambios profundos na sociedade. E non me refiro só ó aumento da produción e novos inventos, senón tamén á relación co traballo, o diñeiro e o tempo. Por exemplo: os traballadores campesiños difiren en moito dos industriais. Para empezar os primeiros traballan conforme a obxectivos, sen un horario establecido. Os segundos ríxense por horarios e fichas que ticar. O caso paradigmático da industrialización pode ser o modelo de traballo derivado de Ford: os traballadores non son máis que eslabóns dunha cadea. Coas consecuencias que non só Tempos Modernos caricaturiza. Senón algunha máis profunda.
Hoxe en día, habitamos unha Sociedade Rede (ou da Información e o Coñecemento) que ten como paradigma tecnolóxico o Informacionalismo. En La ética hacker y el espíritu del informacionalismo, Pekka Himanen contrapón as raíces da Industrialización e o Capitalismo: a Ética Protestante (algo que explicara Max Weber en “La ética protestante y el espíritu del capitalismo“), coas da nosa sociedade actual. Defende que o Informacionalismo (do que deriva en parte a Sociedade Rede) funde as súas raíces na Ética Hacker.
Mais, antes de tentar explicar qué cambios pode implicar esta nova época no noso modo de vida, debemos entender o que significa na práctica o novo paradigma tecnolóxico: o Informacionalismo.
O INFORMACIONALISMO: CASOS “PRÁCTICOS”
O traballo intanxible, do coñecemento, ven aumentando o seu valor nos procesos produtivos. De mostra, un botón:
¿Pero, qué significa isto?
Para empezar, si botamos un ollo á INDUSTRIA CONVENCIONAL, vemos que agora -a diferencia de na era industrial- xa non abonda con fabricar. Os novos tempos ríxense pola organización do traballo (para optimizar tempos de produción, minimizar stocks, …) e a inversión en I+D+i (para aportar valor ó producido, algo que nos diferencie do competidor) porque fabricar xa o pode facer “calquera”. Traballos intanxibles: de enxeñeiros de organización, economistas, etc. Xente que non traballa coas mans, senón coa cabeza. Non en vano hai hoxe máis xente ca nunca nas universidades.
Mais non só na industria convencional se nota o cambio. Por todos lados florece: só hai que abri-los ollos e desexar ver.
Nun maremágnum de información como a que temos hoxe en día á nosa disposición provócanse colapsos de información. Colapsos por exceso. Así, hoxe máis que nunca precisamos xente que se dedique a categorizar e re-distribuir a información: tradutores para entende-los conflitos internacionais (sen dúbida os máis demandados deben ser os de linguas árabes), homes renacentistas con coñecemento de varias disciplinas (para tender pontes entre a superespecialización do traballo), xestores do coñecemento e da innovación (esas persoas que se encargan de deseñar procesos para que a experiencia non se perda), etc.
Mais logo de categoriza-la info e tela á nosa disposición precisamos darlle forma: o analistas. Sociólogos, filósofos e periodistas; pero tamén brokers, consultores de tecnoloxía, etc. Think tanks, en definitiva.
E, para rematar cos exemplos de qué significa a “intanxibilidade da economía”, hai 3 industrias especialmente características da nosa época: a audiovisual, a farmacéutica e a das telecomunicacións e informática (refírome aquí principalmente á industria software). Todas traballan coas ideas, con intanxibles. Todas envoltas nos novos conflitos que David De Ugarte describe como Tecnoimperialismo.
Con estes exemplos e coas teorizacións de Castells, Himanen e outros podemos entender xa onde estamos: a era do Informacionalismo e a Sociedade Rede.
(continuará…)
Leave a Reply