Vimos dun mundo onde o Estado-Nación era a fonte de poder e identidade, a fonte principal de xeración de benestar. Pero a estrutura chirría e xa non é suficiente para dotar de benestar ós individuos que a compoñen e responder ós desafíos da aldea global. Hai tempo que as súas fronteiras se quedaron pequenas.
A súa función é aínda necesaria, mais a súa configuración actual non. As alternativas son:
- Inventar mecanismos que traten de reactivar o poder das estruturas pensadas territorialmente.
- Crear novas estruturas adaptadas ás novas necesidades (que son as mesmas de sempre: obter o maior benestar posible).
A miña posición é clara para os que ledes de forma habitual o blog: unha deconstrución creativa é necesaria, igual que outro mundo é posible, pero sin os dogmas conservacionistas dalgúns sectores antiglobis. Tratarei agora de argumentar por qué non é adecuada unha estratexia conservativa e temos que optar pola progresista.
A organización social actúa en dous planos:
- Na creación de identidade
- Na xeración de riqueza
Unha determinada estrutura social (os estados-feudais, os estados-nación, as comunidades nómadas, …) xurden nun contexto histórico dado debido a que son as organizacións óptimas para a función para a que foron creadas: crear o maior benestar posible para os individuos que a conforman.
Pero a identidade xa é global e o Estado-Nación non ten os medios para evitalo nin reinventarse. Tamén a xeración de riqueza se estrutura nun proceso alén das fronteiras territoriais.
Así, si entendemos que a identidade dos estados se construía principalmente a partir das dúas ferramentas seguintes..
- os medios de comunicación
- o sistema educativo
.. debemos plantexarnos qué ocorre nun mundo de micronichos, no que a información consumida por cada individuo xa non se basa nun menú estatal, senón global. Do modelo mass-media ó modelo mis-medios.
Pero tamén o sistema educativo (como último bastión da identidade) sufre as consecuencias do novo mundo: choques culturais e reformas apremiantes (máis alá do estéril debate sobre educación para a cidadanía). Debemos pensar cómo se configura a identidade nun mundo no que o modelo educativo mesmo se pon en dúbida e se debe adaptar a novas condicións alén das fronteiras estatais (por exemplo: proceso de Boloña).
A pregunta é .. ¿qué poder simbólico lle queda ó estado?
Xa non é posible configurar unha identidade nacional forte cando estudiamos parte das nosa carreira no extranxeiro e temos amigos de tódolos países; cando compramos produtos en Amazon que nos envían dende Norteamérica ou China; cando os nosos espacios de socialización xa non se entenden en relación ó territorio (messenger, correo-e, comunidades virtuais temáticas, …).
No tocante á creación de riqueza xa non queda moito que dicir. Simplemente o estado non ten o poder suficiente para mediar entre os conflitos de intereses público-privados e as relacións comerciais se realizan con persoas e empresas de múltiples territorios.
Por isto, a miña aposta é pola deconstrución creativa. E faise necesario seguir este debate: Das nacións ás redes.
Leave a Reply