Dentón, cornello, caruncho, gran de corvo, dente de can. Estos son algúns dos nomes do fungo Claviceps purpurea que parasita certos cereais, como o centeo.
A este fungo atribúeselle, entre outros, o ergotismo ou lume de Santo Antón: gangrena por falta de circulación sanguínea, alucinacións, contraccións musculares. Mais os efectos a escala controlada converten o veleno en medicina: en obstetricia foi favorecedor do parto e do aborto, tamén tivo usos no control das hemorraxias e como relaxante.
A nivel comercial, o quilo de caruncho chegou a pagarse a mil pesetas en torno a 1955: axustando coa inflación, serían máis de 300€ o quilo en 2020. Cifras que consolidaron popularmente outro dos seus nomes: ouro negro. Señoras que o recollían por feixes das leiras para vendelos nas feiras. Señores que o compraban nas feiras e o exportaban a América. Farmacéuticas que comercializaron as súas aplicacións, como a galega Zeltia. A Galiza como epicentro do comercio mundial de caruncho.
Esta é a historia que conta o documental Negro Púrpura, dirixido por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. Faino, ademais, con moita sensibilidade e unha banda sonora feita con theremin que axuda a intimar cos protagonistas do filme. Un magnífico traballo de campo que crea momentos de risa a escachar, de tristura, de abrir os ollos á nosa memoria.
Está dispoñíbel en Filmin: Negro Púrpura.
Leave a Reply