Eulalia a romeira

Para cando o bus do PREA chegou á romaría xa estaban alí os da TVG. Había expectación porque era o primeiro. O PREA, ou Plan de Rehabilitación do Estado de Ánimo, era unha iniciativa do SERGAS para a mellora da saúde mental. A idea, sinxela: mandar á xente de romaría. Uns viños, uns bailes, e falar co santo. “Rezar é o mecanismo máis antigo de meditación”, dixera a conselleira.

O plan recibira críticas, mais Eulalia gustaba del. Ela levaba 20 anos indo á romaría coa parroquia e agora ía co SERGAS, que, ademais, pagaba a comida. Este ano acompañada pola neta. A pobre, uns meses atrás, confundida, tomara unhas pastillas de máis. Cansadas de esperar polos médicos, Eulalia apuntáraa no PREA: “o santo non ten listas de agarda e mal non lle vai facer”, afirmara.

Ao baixaren do bus, asaltounas a reporteira:

  • Bo día, señora! Veñen polo PREA?
  • Hai, non, neniña, nada diso. Nós vimos polo churrasco e a Panorama.

Apertou a man da neta, que lle devolveu o xesto, e apuraron o paso. Con sorte, pensou, aínda chegaban a tempo para sentaren nos primeiros bancos da igrexa.


Este conto foi escrito no inverno de 2023 e participou na 6a edición de microrrelatos organizada por asociacion.gal e a RAG. Notas do autor.

Ler outros contos.