800 millóns de €… e o futuro segue a pasar por nós mesmos

Hai ben poucos días que a Xunta de Galicia aprobou oficialmente o PEGSI (o Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información). Mais o eco no blogomillo é ben miúdo.

Según Technorati apenas 8 mencións no día máis concorrido, e a maioría nos días que rondan á súa presentación e aprobación.

Buscando en Blogaliza e Blogalego os resultados non varían significativamente. A simple vista podemos pensar en que non lle interesa a ninguén, mais sucede todo o contrario: a moitos lles interesa… e están informados e dacordo con el.

O proceso xestionado por Elena Veiguela (como directora xeral de promoción industrial e da sociedade da información) parece exemplar na súa forma e fondo.

En forma, porque reuníronse para realiza-lo plan cos tódolos axentes dinamizadores do sector en Galicia: empresa, universidade galegas (véxase informe resumo das contribucións dos expertos [PDF 700Kb]) e sociedade civil (asociacións galegas de software libre). Mais tamén con outros axentes do estado español e da Unión europea.

En fondo, porque unha vez fagocitada toda a información fíxose un plan ambicioso e enfocado a palia-las carencias de Galicia.

Entón, dentro de 3 anos Galicia estará á cabeza do sector TIC español? Quizás europeo? Mundial? Sendo modestos e rigorosos, non será así.

Dentro dos poucos post relacionados co PEGSI, hai dous significativos neste sentido.

Lendo ambos chegamos ó nó gordiano da cuestión: o PEGSI é unha ferramenta para a creación de infraestruturas e a alfabetización dixital. Nada máis.
Como ben di Ramom Nogueira nos comentarios ó post de Manuel Gago

unha sociedade pseudofeudal non se transforma en sociedade do coñecemento a base de talonario

é dicir, o cambio de mentalidade requerido para entrar na sociedade da información non nos virá dado, senón que, unha vez máis e por dicilo con palabras de Javier Vázquez…

o futuro pasa por nós mesmos.

Mais neste futuro teñen moito que dicir os axentes implicados no desenvolvemento do PEGSI: empresas, administracións e organizacións civís.

Dependerá en gran medida o devir do PEGSI en que estes axentes teñan unha visión a curto ou a longo plazo. De que se conformen cos cartos que “xa teñen” hoxe ou traten de abrir novos mercados e posibilidades en Galicia.

Os cartos xa están na mesa e o futuro comeza a xirar. Desta vez, qué nos tocará?


Comments

2 responses to “800 millóns de €… e o futuro segue a pasar por nós mesmos”

  1. […] cada vez máis convencido… a pesar de 800 millóns de €, o futuro pasa por nós mesmos. ch! | | […]

  2. […] » O PEGSI e o mercado TIC galego. [23:30-31:40] […]

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *