Este conto foi escrito no verán de 2021 e publicado o 3 de Agosto de no xornal La Voz de Galicia. Ler as notas.
É un domingo solleiro de xullo e o Fuco leva ás costas unha mochila de oito quilos. Camiña polo paseo da praia Langosteira. Pousa a vista no mar máis alá da duna e busca o faro no outro extremo da baía. Apura o paso. Repasa mentalmente os camiños que xa fixo: o portugués en bicicleta, o primitivo e o inglés a pé. Este ano decidira acabar o francés en Fisterra. Maldita a hora, pensa. Escápaselle un bufido.
— Fuco! Non te me veñas abaixo agora! Xa falta pouco! Levamos bo ritmo!
Emite un novo bufido como única resposta á enerxía incontrolada do seu compañeiro de camiño. Tivera catro distintos. Desde a saída de Compostela, o mesmo: o charlatán que agora o acompaña e que non para de facerse autorretratos, ademais de ser un adicto á Estrada, unha rede social para compartir roteiros cos amigos.
— Olla que vista, Fuco! Os meus seguidores van gostar moito!
Fuco acerta a calar o que opina dos seguidores do influencer. Para el, o camiño non é unha colección de postais, senón unha experiencia privada para desconectar. Reiniciarse. Ser anónimo por uns días. Illarse da vida pública baixo a pel dun peregrino. Caer nas redes dun influencer non é o plan que trazara para esta viaxe. Hai golpes da vida que son revirados.
— Veña, Fuco! Levámoslle vantaxe ao Sinho93! De continuarmos así conseguiremos a coroa!
Reportar os tempos de outros usuarios fora unha das chaves do éxito da Estrada. A xente é competitiva, especialmente cando o obxectivo é alcanzábel: se sabes que o teu cuñado está a 5 segundos apertas o cu e apuras o paso. De o gañador levar coroa, mellor. Pura adicción. Maquiavélico. Lucrativo para o negocio da Estrada, nocivo para o recollemento do camiño.
— E sabes o mellor, Fuco? De subires os datos á Estrada danche a Compostela!
Vaia ocorrencia, pensa agora. E que ironía. Como ía o Fuco supoñer que o seu maior éxito comercial, a Estrada, sería tamén a súa penitencia? Apurou o paso. Ser o rei de Fisterra e librarse do influencer. Premio abondo para tanto tormento.