Coñecemento aberto e desenvolvemento: sensacións das xornadas

2 minutes

A pasada fin de semana, Fran e máis eu realizamos a I rolda de conferencias: coñecemento aberto e desenvolvemento (ver presentación en SlideShare). Chuza! e Código cero fixéronse eco da iniciativa, a pesar de que non era a nosa intención nesta primeira etapa convocar “ós medios”.
O certo é que logo de apenas 2 días xa nos damos conta do arraigados que están certos concetos na sociedade e o difícil que se fai superalos.
Fóra dos círculos open-source (sobre todo xente provinte do soft libre, pero non só) a idea do modelo aberto resulta confusa. O principal escollo co que nos atopamos é o de amosa-la rentabilidade deste modelo para as empresas. Aínda se consideran as patentes como un mal necesario.
Este punto xa o tivemos presente, e por iso, á hora de amosar casos, optamos por facelo da industria farmacéutica e explicar por encima os mesmos problemas na do software (pois non tíñamos tempo suficiente para todo e na farmacéutica son moito máis claros as vantaxes, inconvenientes e costos sociais da elección do modelo). Amosando de xeito paralelo a relación de dúas das industrias que traballan con código. Por suposto, a actualidade é un gran actor do noso relato, que tamén decantou a nosa elección.
Así, nas charlas, logo dunha breve introdución á relación entre tecnoloxía e desenvolvemento e á relación entre patentes e desenvolvemento, entramos de cheo na explicación da industria, tendo a Novartis como a nosa empresa exemplo: usando o xuízo contra a India e a noticia de que abre os seus datos noutros produtos. Modelo cerrado VS Modelo aberto na mesma empresa.
Certamente confiamos en que puidésemos visibiliza-lo conflito: a elección de modelos cerrados ou modelos abertos non é trivial, senón que ten consecuencias para o desenvolvemento de países, empresas e persoas.
Como experiencia piloto foi positiva según o vexo agora. Tamén necesaria. Por iso, creo que deberemos seguir explorando este camiño, aínda que quizá con outro tipo de iniciativas. Xa vos iremos contando.


Comments

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *