Logo dunha semana, expoño aquí a crítica á charla de Xavier Vence: A globalización e a patria do capital periférico. Leccións para unha política industrial. Xa se pode ler a crónica do DUVI e ve-lo vídeo da charla.
Pouco teño que dicir a Vence, xa que comezou cunha clara declaración de intencións:
falará das ameazas para unha economía periférica como a galega.
Cando rematou o seu relatorio, a maioría dos asistentes (ben poucos éramos) quedamos coa sensación de que Xavier Vence defendía que a globalización estaba xerando soamente ameazas e destruindo as economías periféricas. E as preguntas foron encamiñadas nese sentido.
Unha vez realizado o debate, o sentemento era distinto, vimos a súa cara amable e nada apocalíptica: a globalización non só trae consigo ameazas, senón tamén oportunidades. Púxose como exemplo Citröen e os coñecementos en áreas de organización de empresas e da produción. Eu engado agora tamén a área de automatización.
Estas áreas universitarias, víronse favorecidas pola chegada da empresa e das súas necesidades (tanto internas, como nas relacións cos seus proveedores). Este feito foi clave para que hoxe en día, as dúas áreas mencionadas sexan das mellor valoradas na universidade de vigo, e poidan a partir dahí diversificar a súa oferta (non só atender ó sector do automóvil) e favorecer a chegada de novas empresas. A ninguén se lle debería escapar que a inminente chegada de empresas xaponesas ó complexo CITEXVI, vén dada polo exposto anteriormente, ademáis de pola calidade dos graduados na Escola de Telecomunicacións da UVigo.
Así vemos fácilmente cómo se poden xerar dinámicas de progreso nun entorno xeográfico, aproveitando a globalización. Por outra banda, o certo é que Galicia debe renunciar a competir en certos sectores (man de obra barata por exemplo) e centrarse en apenas uns poucos sectores e empresas estratéxicas. A cuestión é cómo guia-lo proceso de reconversión.
Non se pode na aldea global matar unha mosca a cañonazos, non se pode competir en tódolos sectores e tódalas empresas. Debemos ir cara a competencia nos sectores motores da economía: os informacionais. Audiovisual e I+D nas empresas, pero tamén naqueles en que temos os recursos necesarios que non se poden deslocalizar: agropecuario e enerxético.
En definitiva, debemos fomentar menos o discurso apocalíptico e máis o integrado. O traballo consiste en aproveitar a globalización para xerar benestar. Hoxe, toca ser proglobalizador.
Leave a Reply